ACTIVIDADES QUE ME AXUDAN A APRENDER.




martes, 6 de marzo de 2018

COÑECENDO AS ARTES DE PESCA.


Patiños e Pandas seguimos a coñecer o noso mar. Comezamos coa saída didáctica ao Aquarium Finisterrae e seguimos hoxe coa visita ao porto de Pontedeume para coñecer as ARTES DE PESCA que utilizan os mariñeiros e mariscadores da nosa vila.
Alí nos recibíu Manolo, o patrón maior da cofraría de Pontedeume, para explicarnos con que aparellos se pescan as diferentes especies propias desta zona.
Ensinounos as nasas coas que se capturan os camaróns que se crían entre os xuncais do estuario do río Eume para despois vir cara á ría, onde se xunta o río co mar. Tamén se utilizan para recoller nécoras e polbos (cando acadan o tamaño axeitado e nunha época concreta do ano). Como cebo métese na nasa algún peixe que nos serve para comer pero que aos peixiños úlelles moi ben.




Coñecimos o trasmallo, unha rede con tres panos que serve para pescar xibas durante os meses de febreiro, marzo e abril. Esta rede ten corchos para flotar por unha parte e plomos para que afunda pola outra.




Manolo falounos dun xeito de pescar que se chama o cerco e para o que se utiliza unha rede moi moi grande coa que se rodean os bancos de peixes co propio barco. Co cerco péscanse sardiñas, xuleros e anchoas.




E aproveitando que por alí chegaba na sua chalana o pai da patiña Claudia vimos a rañeira coa que os homes desde a barquiña recollen as ameixas e os berberechos na nosa ría. Menudo varal longo que ten!





Pero... que facía Jesús alí?. Pois cosendo as redes. Unhas que se estragaron polo uso e outras que hai que xuntar para confeccionalas en relación á medida do barco ou do que se queira pescar. Vimos o "costureiro" de Jesús e tiña unha morea de agullas e moitos fíos.










Manolo tamén nos ensinou cebos artificiais cos que se enganan aos atúns que se pescan con outra arte chamada cacea.


Para rematar Manolo achegounos á lonxa, o lugar onde se leva a ameixa fina que se recolle na ría para medila (cunha criba porque se non ten a medida axeitada debe ser devolta ao mar para que medre un pouco máis) e posteriormente enviala á depuradora para limpar e que despois poida ser vendida na peixería ou no super. Deste xeito poderemos disfrutala no noso plato rica, rica!!. 




Mi madriña o que aprendimos!!. E non se nos esqueceu nadiña!!.

Moitas gracias Manolo por ensinarnos tantas cousas do noso mar e desta parte da nosa vila que é, o porto.







No hay comentarios:

Publicar un comentario